A serpe, primeira mestra de filosofía


Desde sempre, o ser humano tivo pola serpe unha mestura de temor e fascinación. A súa natureza que se aletarga no inverno e esperta na primavera, mudando completamente a súa pel, fixo que se asociara este animal ás ideas de rexuvenecemento, fertilidade, saúde e sabedoría.


En todas as culturas existen ritos ancestrais de culto as serpes. Aztecas, hindúes, cretenses, babilónicos e fenicios, así coma os exipcios, cuxos faraóns ostentaban emblemas de serpes nós seus tocados.

 Nas orixes da nosa civilización, o mito da serpe e a súa divindade está tamén presente: nos mitos do libro bíblico do Xénese, cando a serpe tenta a Adán e Eva ofrecéndolles o coñecemento do ben e do mal, un engano que os levará lonxe da felicidade do paraíso. Máis tarde tamén Moisés mostrará o seu poder ao Faraón a través do dominio da serpe co  báculo que lle ofreceu Deus e que representará a fe.
Na Mitoloxía Grega, en cambio, a serpe ten unha connotación positiva. Aínda que portadora de morte é tamén portadora de saúde. Conta a lenda que o médico Asclepios (Esculapio na mitoloxía romana) usaba as herbas que lle trouxo unha serpe para devolver a saúde e mesmo a vida, a aqueles aqueixados pola enfermidade. Asclepios represéntase sempre apoiado nunha vara, símbolo do peregrinaxe e o esforzo por cumprir coas obrigas que implicaba a arte da sanación.

Esculapio tivo por esposa a Epiona "a doce" e varios fillos: tres varóns (Godalirio, Machaon  e Telesforo tamén médicos) e catro fillas (Hygia, higiene, preservadora da saúde, Panaqueia, panacea, que era farmacéutica, Egle, partera e oculista, e Laso que era enfermeira).

Higie herda a serpe do seu pai, pero usaa como elemento curativo. O termo farmacia procede do grego farmakoV (fármacos), que significa medicina e tamén  veneno, porque se asocia, no mesmo principio, tanto a enfermidade como a saúde (tal é como aínda o fai hoxe a homeopatía). A deusa Hygie representase cunha serpe enroscada que verte o seu veneno nunha copa que serve para recoller os elementos curativos.  


Como vemos a serpe estivo asociada sempre ao coñecemento, á sabedoría, á busca do poder do ser humano, aínda contra o sentimento de indefensión ou a fe relixiosa. Por iso a serpe foi tamén, na imaxinería das relixións, o símbolo da perdición do home, do seu afastamento de Deus, da súa soberbia. A serpe representa a ciencia e a necesidade humana de atopar un coñecemento seguro que lle permita dominar o mundo, ao fin e ao cabo "ser coma deuses".








No hay comentarios:

Publicar un comentario