A voltas co cine

Coma todos os anos encárganme da visión filosófica do tema do Ciclo de Conferencias que organiza todos os anos o IES. Neste caso deron coa miña debilidade. O cine é unha das ferramentas básicas na miña actividade docente hai moitos anos. Así coa escusa da preparación da miña charla tentarei ir explicando como traballo na aula con esta ferramenta, de forma que estas entradas poidan ser un anteproxecto de esa charla que virá.



Filosofía e ciencia ficción
Basicamente, a filosofía, é o intento de dar resposta ás preguntas que se formula o ser humano, tales como “que é o universo”, “cal é a natureza da realidade”, “a posibilidade de acceso ao coñecemento”, “o sentido da vida”. Todas estas preguntas e moitas outras teñen cabida na especulación filosófica, co único límite da racionalidade e a exclusión de xustificacións dogmáticas.
Os mundos narrativos teñen como fondo o mundo que asumimos como real e as súas leis deséñanse a partir da comprensión que temos do mundo real. Así, a narración de ficción constrúe mundos análogos ao universo real que permiten comprender mellor a estrutura da realidade e mesmo mostran aspectos desta que doutra forma permanecerían en penumbra. A ciencia ficción tense ocupado dos interrogantes metafísicos tratándoos cunha amplitude, liberdade e imaxinación que non pode permitirse a racionalidade filosófica.
Na ficción, a verdade asoma a través da fábula, como unha metáfora da realidade, de forma que podemos propoñer cuestións que transcenden a propia realidade. Todo traballo de ficción instala o espectador dentro dun novo sistema de realidade, con novas posibilidades, como se fose un viaxeiro a un novo mundo. O mundo de ficción ten o seu propio sistema de coñecementos, crenzas, soños e alucinacións que actúa coma un mundo de segundo orde para o espectador o que lle permite crear novas forma de enfrontar o mundo real.
Escritores como P. K. Dick ou Asimov deron lugar a obras (literarias e cinematográficas) nas que temas como “o sentido da vida humana” ou “a posibilidade de vivir nun mundo irreal” son o tema principal. Entre outros sirvan como exemplo:  Dark City (1998) dirixida por Alex Proyas e Desafío Total. (1990) dirixida por Paul Verhoeven. Solaris (1972) dirixida por Andrei Tarkovsky, xiran fundamentalmente ao redor de como se pode establecer un criterio de certeza para os nosos contidos mentais e sobre o criterio de realidade.  Blade Runner (1982) dirixida por Ridley Scott, I.A 2001 dirixida por Steven Spielberg. ou O Home Bicentenario 1999 dirixida por Chris Columbus. Fundamentalmente tratan sobre a definición do ser humano e o sentido da súa vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario