De normas incoherentes... e decisións imposibles. O ensino da Filosofía en Primeiro de Bacharelato

Revisando o Proxecto de Currículo que ven de publicar a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, o meu ánimo vai, pouco a pouco, converténdose nun estado semidepresivo. Dúas sesións semanais han servir para impartir uns contidos que non se imparten nin na Facultade de Filosofía ao longo de 4 anos de estudo de Grao. Dúas sesións semanais significan recordemos unhas 25 ou 26 sesións de aula no primeiro trimestre (o mais extenso con 13 semanas sen descontar festivos, nin avaliacións, nin datas de exames), no segundo trimestre as sesións redúcense xeralmente a unhas 18-19 (aproximadamente 10 semanas, dependendo do que dispoña o calendario eclesiástico), e na terceira avaliación o mesmo. E, nese tempo temos, non só que ensinar un temario que desenvolve nada menos que 37 tópicos, senón tamén ensinar ferramentas de traballo como composicións, comentario de textos, desenvolvemento de mapas conceptuais, debate de dilemas... Por non falar dos textos de lectura que se propoñen, ate 38 sen contar os textos engadidos de outras áreas entre os que se citan a Calderón de la Barca, Pío Baroja, A. Machado, Voltaire, Goethe, Sartre, Unamuno, Borges ou Camus. 
Desde logo algo anda mal nas competencias dos nosos políticos, a matemática desde logo é deficiente. Se sumamos o número de sesións posibles (e debemos ter en conta que temos que facer exames, que sempre hai actividades extraescolares ou actividades organizadas polos departamentos que interrompen este proceso) dan un total de entre 60 e 64 sesións de aula (de 50 minutos). Só pensar en explicar os tópicos, sen interacción co alumnado, sen corrección de tarefas, sen ensinar ferramentas de traballo, sen ler textos, teríamos aproximadamente 2 sesións por tópico no mellor dos casos.... Desolador por que iso reduciría a ensinanza a disertación do profesor ou profesora, afastado dos problemas de comprensión do alumnado, sen relación coas súas inquedanzas nin cos seus problemas lectores, nin coas dificultades de aprendizaxe que poidan ter. 
Voltamos a estar no principio,  nun ciclo infinito como Sísifo empurrando a pedra de novo, cando xa cremos ter acadado algún cumio. Moitos estaredes pensando que ao fin os temarios non se imparten nunca completamente, que cada profesor decide o que debe impartir. É verdade que a Filosofía, en primerio de Bacharelato, sempre tivo que recortar un temario monstruoso para poder preservar un "certo amor pola Filosofía", para preservar a posibilidade de aprender a pensar do xeito sosegado que predican os preámbulos ás leis de educación e a introdución á materia, porén esta decisión do profesor recaerá directamente sobre un alumnado que deberá examinarse, ao final do Bacharelato, dunha troncal cuns contidos iguais para todo o Estado, pero que en Galicia non poderán impartirse na súa totalidade ou ben non poderán ser asimilados polo alumnado. Sospeito que o fracaso na proba farase recaer, despois de todo, sobre a actividade didáctica do profesorado porque finalmente a el  compete a decisión final no traballo de aula. Mais un decide nas condicións que fan posible esa decisión, no caso que nos ocupa non haberá decisión boa: ou se imparte a totalidade do currículo prescindindo de traballar a comprensión por parte do alumnado, ou se decide baixar á realidade das aulas e facer comprensible unha parte do currículo... en ambos casos o alumnado perde e o profesorado fracasa. 
 Pero os tópicos do currículo e os autores propostos para a lectura tamén merecen crítica aparte. Teremos que ler a un 20 autores en monodoses, sen comprender o seu contexto nin a orixe das ideas textos de autores que están moi afastados das capacidades do alumnado de primeiro de Bacharelato. Ler a Platón, Aristóteles, Descartes ou Kant son tarefas que precisan tempo, polo vocabulario, polas ideas que propoñen, moi afastadas da vida ordinaria do noso alumnado pero, ademais ler a Serres, Adorno, Casirer ou Poincaré semellan tarefas mais propias dun estudante universitario que dun estudante que acaba de rematar 4º de ESO. 
Porén, se aínda non estades suficientemente abraiados pensade que durante este espeso curso, o noso alumnado terá ademais que ser quen de aplicar todo o aprendido a un proxecto de empresa persoal. Desde logo pedimos a alumnos de 16-17 anos, non só que pensen en termos empresariais, senón que sexan quen de aplicar uns contidos dificilmente comprendidos a un termo que non comprenden aínda sen unhas motivacións claras, sen ter en conta que non hai profesor que poida ensinarte iso. Por non falar de que os contidos filosóficos e as súas reflexións poden axudar na vida dos individuos, pero non foron pensados para a creación de empresas, nin a formación dun filósofo inclúe ese aprendizaxe na súa formación universitaria.
A conclusión está clara, propoñen unha imposibilidade para que o resultado da nosa acción didáctica sexa un fiasco e iso dea argumentos para eliminar a materia definitivamente das aulas. Na loita contra esta decisión os que cremos que a Filosofía ten algo que achegar ao alumnado de secundaria levamos claramente as de perder, é unha loita desigual. Mágoa que as vítimas colaterais deste "tour de force" teñan que ser os alumnos e alumnas, presentes e futuros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario