Revisando o Proxecto de Currículo
que ven de publicar a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, o meu ánimo
vai, pouco a pouco, converténdose nun estado semidepresivo. Dúas sesións
semanais han servir para impartir uns contidos que non se imparten nin na Facultade
de Filosofía ao longo de 4 anos de estudo de Grao. Dúas sesións semanais
significan recordemos unhas 25 ou 26 sesións de aula no primeiro trimestre (o
mais extenso con 13 semanas sen descontar festivos, nin avaliacións, nin datas
de exames), no segundo trimestre as sesións redúcense xeralmente a unhas 18-19
(aproximadamente 10 semanas, dependendo do que dispoña o calendario eclesiástico),
e na terceira avaliación o mesmo. E, nese tempo temos, non só que ensinar un
temario que desenvolve nada menos que 37 tópicos, senón tamén ensinar
ferramentas de traballo como composicións, comentario de textos,
desenvolvemento de mapas conceptuais, debate de dilemas... Por non falar dos
textos de lectura que se propoñen, ate 38 sen contar os textos engadidos de outras
áreas entre os que se citan a Calderón de la Barca, Pío Baroja, A.
Machado, Voltaire, Goethe, Sartre, Unamuno, Borges ou Camus.
Desde logo algo anda mal nas competencias dos nosos políticos, a matemática
desde logo é deficiente. Se sumamos o número de sesións posibles (e debemos ter
en conta que temos que facer exames, que sempre hai actividades extraescolares
ou actividades organizadas polos departamentos que interrompen este proceso)
dan un total de entre 60 e 64 sesións de aula (de 50 minutos). Só pensar en
explicar os tópicos, sen interacción co alumnado, sen corrección de tarefas,
sen ensinar ferramentas de traballo, sen ler textos, teríamos aproximadamente 2
sesións por tópico no mellor dos casos.... Desolador por que iso reduciría a
ensinanza a disertación do profesor ou profesora, afastado dos problemas de
comprensión do alumnado, sen relación coas súas inquedanzas nin cos seus
problemas lectores, nin coas dificultades de aprendizaxe que poidan ter.
Voltamos a estar no principio, nun ciclo infinito como Sísifo
empurrando a pedra de novo, cando xa cremos ter acadado algún cumio. Moitos
estaredes pensando que ao fin os temarios non se imparten nunca completamente,
que cada profesor decide o que debe impartir. É verdade que a Filosofía, en
primerio de Bacharelato, sempre tivo que recortar un temario monstruoso para
poder preservar un "certo amor pola Filosofía", para preservar a posibilidade
de aprender a pensar do xeito sosegado que predican os preámbulos ás leis de
educación e a introdución á materia, porén esta decisión do profesor recaerá
directamente sobre un alumnado que deberá examinarse, ao final do Bacharelato,
dunha troncal cuns contidos iguais para todo o Estado, pero que en Galicia non
poderán impartirse na súa totalidade ou ben non poderán ser asimilados polo
alumnado. Sospeito que o fracaso na proba farase recaer, despois de todo, sobre
a actividade didáctica do profesorado porque finalmente a el compete a decisión final no traballo de aula.
Mais un decide nas condicións que fan posible esa decisión, no caso que nos
ocupa non haberá decisión boa: ou se imparte a totalidade do currículo
prescindindo de traballar a comprensión por parte do alumnado, ou se decide
baixar á realidade das aulas e facer comprensible unha parte do currículo... en
ambos casos o alumnado perde e o profesorado fracasa.
Pero os tópicos do currículo e os autores propostos para a
lectura tamén merecen crítica aparte. Teremos que ler a un 20 autores en
monodoses, sen comprender o seu contexto nin a orixe das ideas textos de
autores que están moi afastados das capacidades do alumnado de primeiro de
Bacharelato. Ler a Platón, Aristóteles, Descartes ou Kant son tarefas que
precisan tempo, polo vocabulario, polas ideas que propoñen, moi afastadas da
vida ordinaria do noso alumnado pero, ademais ler a Serres, Adorno, Casirer ou
Poincaré semellan tarefas mais propias dun estudante universitario que dun estudante
que acaba de rematar 4º de ESO.
Porén, se aínda non estades suficientemente abraiados pensade que durante
este espeso curso, o noso alumnado terá ademais que ser quen de aplicar todo o
aprendido a un proxecto de empresa persoal. Desde logo pedimos a alumnos
de 16-17 anos, non só que pensen en termos empresariais, senón que sexan quen
de aplicar uns contidos dificilmente comprendidos a un termo que non comprenden
aínda sen unhas motivacións claras, sen ter en conta que non hai profesor que
poida ensinarte iso. Por non falar de que os contidos filosóficos e
as súas reflexións poden axudar na vida dos individuos, pero non foron pensados
para a creación de empresas, nin a formación dun filósofo inclúe ese
aprendizaxe na súa formación universitaria.
A conclusión está clara, propoñen unha imposibilidade para que o resultado
da nosa acción didáctica sexa un fiasco e iso dea argumentos para eliminar a
materia definitivamente das aulas. Na loita contra esta decisión os que cremos
que a Filosofía ten algo que achegar ao alumnado de secundaria levamos
claramente as de perder, é unha loita desigual. Mágoa que as vítimas colaterais
deste "tour de force" teñan que ser os alumnos e alumnas, presentes e
futuros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario