Que é filosofía?


Se a filosofía comeza ao cuestionarse, ao preguntarse sobre aquilo que xa non nos parece obvio, é porque comeza coa conciencia da propia ignorancia. Filósofo é quen ao recoñecer o que non sabe sitúa ás preguntas fundamentais.
Socrátes comezou este camiño no século V a.C. e, desde entón, a Filosofía constituíuse nun exercicio de pensamento, nun saber que fai un problema aqueles coñecementos que nos parecen mais "naturais", mais obvios. A filosofía cuestiona e interpela ao sentidos, facendo unha crítica dos seus datos. Por iso a Filosofía aparece onde se perde a seguridade nas respostas convencionais e xurde a dúbida, xeradora de novas preguntas. Por iso as respostas dadas polos filósofos ao longo da historia non son mais importantes que as súas preguntas.

As preguntas que se fai o filósofo non son un exercicio no baleiro, senón que gardan relación cos problemas do seu contexto histórico e social e as respostas que cada un deles ofrece establecen un diálogo coa ciencia, co sentido común e coa tradición do pensamento, de forma que o pensamento filosófico establece unha relación dialéctica, unha ponte entre todos os saberes e todas as épocas históricas.

Ao longo da historia as preguntas filosóficas centráronse en temas que tiñan que ver coas preocupacións claves do contexto no que se formulaban. Así, na Antigüidade a pregunta fundamental era sobre o real, auspiciada polo xurdimento dos saberes científicos en contraposición coas tradicionais explicacións míticas.


No Medievo, o pensamento centrouse nas relacións entre a razón e a fe, nun mundo no que a relixión necesitaba lexitimar o seu poder e a súa visión do mundo.

Na modernidade a pregunta polas condicións do coñecemento, os seus procesos e os seus límites determina o resto de problemas filosóficos, porque para o filósofo era crucial fundamentar a razón e o coñecemento científico. A partir deste contexto constitúese o suxeito na modernidade que tenta construír a través da súa razón a ciencia, o arte e a práctica das accións humanas en xeral.
Na actualidade, os filósofos teñen tomado conciencia dos límites da racionalidade humana e da obxectividade da ciencia, e da súa capacidade para resolver os problemas humanos. A historia do século XX ensinou que a racionalidade instrumental pode levar á consolidación de estados totalitarios, guerras mundiais e etnocidios en masa, como o holocausto Nazi. "Cómo facer filosofía despois de Auschwitz", converteuse nunha das reflexións fundamentais da filosofía contemporánea. A irracionalidade, sempre latente, no fondo da conciencia humana converteuse en tema de xuízo crítico e actividade filosófica, así como o estudio das formas de manter a lexitimidade e a ética das accións humanas. As relacións entre suxeito e estado e a relación co outro (co pertencente a outras culturas, a outras formas de pensamento), ocupan unha boa parte do quefacer filosófico ao comezo do século XXI.

No hay comentarios:

Publicar un comentario